23/6/12

Roberto Vidal Bolaño, Letras Galegas 2013


Este venres, 22 de xuño de 2013, a Real Academia Galega decidiu dedicar o Día da letras Galegas do 2013 a un home de teatro, autor, director e actor: Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002). Creador, no 1977, da primeira compañía teatral galega: "GRUPO ANTROIDO"
Será o momento de impulsar o teatro galego? Poderemos ver teatro nas salas galegas?

20/6/12

Pola morte de Emili Teixidor

 
O xornalista e escritor catalán Emili Teixidor finou onte aos 78 anos. A literatura infantil e xuvenil supón unha gran parte da obra de Teixidor, en 1967 gañou o Premio Joaquim Ruyra de narrativa xuvenil  co libro Les rates malaltes e en 1997 o Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil pola súa novela L'amiga més amiga de la formiga Piga. Con todo, a súa obra máis coñecida vai serPa negre, unha historia da Cataluña interior no peor da posguerra, nunha adaptación para cine dirixida por Agustí Villaronga que conseguiu un gran éxito de público e 9 premios Goya.
Lembrade LA LECTURA Y LA VIDA (Ariel, 2007) un texto recomendable para quen ama a lectura e quere compartila cos maís novos.


Atopei este vídeo no scoop-it antoniorrubio:“Lectura, Bibliotecas Escolares, Bilingüísmo” . A min gustoume, aínda que a lectura está aberta a todo tipo de persoas, sen discriminación e non temos que ser persoas altas, guapas e loiras como as modelos do vídeo para ler. 
 Cousas da publicidade, supoño.

15/6/12

Ler non é clandestino.

Non vos perdades este divertido (e instructivo) vídeo sobre a biblioteca do IES Chano Piñeiro, de Forcarei. "Un vídeo de Fomento da Lectura" escribe Gracia Santorum, impulsora e coautora,  no seu sempre interesante blogue TRAFEGANDO RONSEIS.
Parabéns a todos: impulsora, autores, actrices e actores, músicos e cantantes.

Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2011/2012

Vídeo-resume dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2011/2012 celebrados en Santiago de Compostela os días 19 e 20 de abril, coa asistencia de responsables ou membros dos equipos de bibliotecas incluídas neste programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

6/6/12

Ray Bradbury


  Ray Bradbury o autor  a quen debemos algún dos textos que marcaron a nosa (a miña) adolescencia finou hoxe.

FAHRENHEIT 451 está publicado en galego por Xerais na súa colección FÓRA DE XOGO. Pode ser un momento oportuno para redescubrilo. Penso que, fóra de certas "imprecisións" con referencia á evolución tecnolóxica que o autor non foi quen de predecir no 1953, é un texto moi actual.

O director francés François Truffaut dirixiu a película inglesa baseada nesta obra e estreada en 1966.

 Tamén está publicado en FÓRA DE XOGO  o conxunto de relatos de ciencia ficción "Crónicas marcianas"

No blogue do IES Fontexería de Muros podedes atopar unha presentación sobre Fahrenheit 451 da que xa dei información no blogue con data 4 de febreiro de 2011