21/11/16

TODO O TEMPO DO MUNDO


O premio Merlín recaeu este ano 2016 no libro de David Pérez Iglesias: Todo o tempo do mundo; unha historia que fala da relación entre unha nena e o seu avó sobre un fondo de crise, de abandono e de emigración.
Cando só emigraban os homes, a muller ficaba na casa a cargo dos fillos. No mellor dos casos, recibían cartos e cartas de cando en vez. Estes orfos de vivos medraban sen coñecer un pai que, nalgúns casos, retornaba de vello rico ou pobre, pero descoñecido.
Durante a ditadura emigraba a parella, deixando os fillos a cargo de avós ou tíos, ás veces nun internado. Lembrades? Esas avoas-nais transmisoras de valores, de cultura.
O libro de David Pérez Iglesias fálanos da nova emigración á que leva a xente nova e familias completas; as nenas e nenos que se crían e educan lonxe do país son a máis destrutiva emigración, a que non ten volta, na que se perde a lingua, a cultura, o país.